Buscador xeográfico

Buscador avanzado

Novas

« Voltar
xcfj
21/07/10

3 IMAXES POR SEGUNDO

'Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago’ recolle as imaxes de Gabriel Díaz tomadas ao longo de 5.000 quilómetros

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle a mostra que segundo o director xeral do Patrimonio Cultural "recupera os valores humanos que o Camiño de Santiago fomentou a través da experiencia do peregrino".

Santiago.- O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle desde hoxe a exposición Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago do artista Gabriel Díaz. Para a realización da mostra o artista recorreu a pé e ao longo dos últimos seis anos as rutas xacobeas de toda Europa, tomando unha fotografía cada once pasos. As imaxes foron transformadas posteriormente na video-instalación do Museo das Peregrinacións e de Santiago. A exposición, organizada pola Fundación ARQ ART para a Promoción da Arquitectura e a Arte en colaboración co Museo, posúe un carácter de simultaneidade noutros centros de España e Europa a partir da obra videográfica do autor.


O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel presentou a mostra esta mañá como "un proxecto anovador de implicación transnacional no que se recuperan valores humanos que o Camiño de Santiago de Compostela fomentou desde fai séculos a través da experiencia do peregrino". O director xeral do Patrimonio Cultural estivo acompañado polo autor da exposición, Gabriel Díaz e polo presidente da Fundación ARQART, Salvador Díaz Magro. A inauguración da exposición terá lugar esta mesma tarde ás 20,00 horas.



José Manuel Rey Pichel valorou a iniciativa como unha "excelente mostra do que realmente abrangue o Camiño de Santiago desde a perspectiva do peregrino" que é capaz de crear "un diálogo entre o patrimonio natural, o patrimonio artístico e o propio ser humano que atopan nos distintos camiños de Santiago a súa manifestación máis expresiva, desde unha óptica actual". O director xeral apuntou asemade a característica da mostra que recorda que o "fenómeno da peregrinación non é algo ancorado no pasado senón un feito que está moi presente na vida cotiá de hoxe en día".



Para o director xeral do Patrimonio Cultural, a mostra Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago, da cumprimento a dous obxectivos fundamentais do Museo das Peregrinacións e de Santiago como son "o de recordar á sociedade que o fenómeno da peregrinación segue vivo na actualidade e engloba manifestacións que adoptan as máis variadas morfoloxías e o de fomentar a valoración da produción artística actual

Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago
Os seis camiños realizados por Gabriel Díaz para a realización do proxecto son o Camiño Francés, o Camiño Mozárabe e o Camiño do Norte en España; e os camiños de Le Puy a Saint Jean Pied de Port (Francia), de Núremberg a Ginebra (Alemaña / Suiza) e de Maastricht a Vézelay (Países Baixos / Francia) en Europa.



A exposición preséntase en edificios significativos ao longo dos diferentes Camiños de Santiago, tanto en España como en Europa, durante os anos 2010 e 2011. O Museo das Peregrinacións e de Santiago será a exposición central de todo o programa e completarase simultaneamente con outras como a Catedral de Pamplona (aberta desde o 1 de xullo); o Real Monasterio de las Huelgas de Burgos (a inaugurar o 7 de xullo); o Domus Artium DA2 de Salamanca (a partir do 9 de xullo); a Catedral de Oviedo (a inaugurar o 14 de xullo); e a Real Colegiata de San Isidoro de León (desde o vindeiro 16 de xullo). Tamén están confirmadas outras sedes tales como o Tour Saint-Jacques de París; a Saint James Church de Londres; a Nossa Senhora dos Mártires de Lisboa; o Mosteiro Strahov de Praga; ou o Museo St. Peter de Colonia.



A video-instalación concibida por Gabriel Díaz para Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago inscríbese no marco da temática abordada polo artista ao longo da súa traxectoria profesional, na que a presenza da natureza foi unha constante. Nos inicios da súa carreira Gabriel Díaz realizou intervencións directamente na natureza para posteriormente traballar a escultura con elementos naturais ou a fotografía e o vídeo. A natureza será o contexto no que o artista realice un viaxe interior e exterior, íntimo e universal. Ao longo dos últimos anos Gabriel Díaz realizou outras obras videográficas sobre peregrinacións relacionadas con diversas relixións como o budismo, o xudaísmo ou a relixión musulmá.



O artista

Gabriel Díaz nace en Pamplona en 1968. Pronto comeza a introducirse no mundo artístico realizando intervencións escultóricas utilizando para iso rochas e tamén bloques de xeo, todo dentro da concepción propia do Land Art. A materia coa que realizaba a súa produción, revestíaa o artista de valores humanos e cósmicos, tratando de casar o mundo da estética e a dimensión espiritual.



A partir de 1999 comeza a centrarse na videofilmación sempre intentando roubar da natureza a complementariedade en canto metáfora da procura interior do propio artista. No Tíbet atopa Gabriel Díaz a concordancia máis rotunda entre a grandeza da terra e a esencia do ser. Coñece e documenta distintas peregrinacións no Tíbet, o que o fará afondar no Camiño de Santiago intentando buscar os valores universais da principal ruta europea de peregrinación. Deste xeito Gabriel Díaz comeza a realización de vídeos utilizando a técnica da animación fotográfica. Cada once pasos realiza un disparo. Os numerosos fotogramas montados ofrecen unha secuencia que capta a mirada do espectador facéndoo partícipe da obra por esa sensación envolvente que proporciona a animación.



Gabriel Díaz expuxo nas máis prestixiosas institucións, entre as que destacan o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía MNCARS, o Museo Guggenheim de Bilbao, o Centro Galego de Arte Contemporánea CGAC, no Artium de Vitoria, a LABoral Centro de Arte e Creación Industrial de Xixón e o Museo Municipal de Arte Contemporánea de Madrid / Centro Cultural del Conde Duque.



Fundación e Museo

A Fundación ARQART nace en 1999, creada polo arquitecto e galerista Salvador Díaz. Os seus dous obxectivos fundamentais son desenrolar proxectos que relacionen arquitectura e arte contemporánea, e fomentar actividades culturais dentro do campo da arquitectura e da arte contemporánea.



Entre os plans expositivos do Museo das Peregrinacións e de Santiago destaca o programa denominado As outras peregrinacións, coa finalidade de fomentar a creatividade artística e a difusión dunha actividade directamente relacionada co contido temático do museo. Así pois estas exposicións teñen a finalidade de ofrecer as visións máis diversas do fenómeno da peregrinación, desde a concepción máis ampla do termo, producidas por creadores contemporáneos que utilizan as linguaxes máis actuais.


[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web