21/07/10 ACIBECHERÍA
Cultura e Turismo licita as obras de restauración da fachada da Acibechería da Catedral de Santiago por 198.000 euros
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación, polo procedementO aberto con pluralidade de criterios e trámite urxente, do contrato de obras non harmonizado, de restauración da fachada da Acibechería.
Santiago.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Cultura e Turismo pola que se anuncia a licitación, polo procedemento aberto con pluralidade de criterios e trámite urxente, do contrato de obras non harmonizado, de restauración da fachada da Acibechería da Catedral de Santiago. As obras de restauración da fachada da Acibechería terán un prazo de execución dun máximo de doce meses e dun mínimo de nove, cun orzamento total cifrado en 198.783 euros distribuído en dúas anualidades. No Plan Director da Catedral de Santiago, elaborado en colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Cabido da Catedral, descríbese o estado de conservación do templo parte a parte e fai un diagnóstico de diversas patoloxías construtivas e das prioridades de intervención en función da urxencia das actuacións. O proxecto de restauración da fachada da Acibechería da Catedral inclúe a súa limpeza, saneamento e reparacións na súa fábrica mural e a renovación das carpinterías das súas ventás, ademais doutros aspectos menores. O proxecto da restauración da fachada da Acibechería contempla actuacións previas como a análise da pedra e das sales, a limpeza da fachada, a retirada das actuais ventás de madeira e dos restos de ferros encaixados. Os traballos incluirán restauracións diversas en fachadas e pezas escultóricas, reposicións diversas en cantería, saneamento e pintado das reixas e dos portóns de entrada. Abordaranse tamén as actuacións na carpintería como a colocación de novas ventás de madeira pintada.