Buscador xeográfico

Buscador avanzado

A Raia seca | Baixa Limia | Lobios | Riocaldo (Santa María) | Bubaces | Vila romana de Baños de Riocaldo

O patrimonio arqueolóxico | Xacementos romanos | Vila romana de Baños de Riocaldo

Vila romana de Baños de Riocaldo

Vila romana de Baños de Riocaldo

envía esta foto como postal

Vila romana de Baños de Riocaldo Vila romana de Baños de Riocaldo Vila romana de Baños de Riocaldo

A información que achegan os restos da vila baixoimperial dos Baños de Riocaldo, situada no concello ourensán de Lobios e identificada por algúns autores como a mansión Aquis Originis, xunto cos que se poden extraer do paso da vía XVIII do Itinenario de Antonino por esta mesma zona, son fundamentais para recompoñer o proceso de romanización da Baixa Limia.

Baños de Riocaldo está situada na marxe dereita do río Caldo en Lobios (Ourense). A súa localización, inmediata á vía romana coñecida como Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario de Antonino -aínda fundamental durante a Idade Media para as relacións con Portugal- e tamén próxima ao lugar no que abrollan as augas que dan nome a este río, levou a moitos autores a asociala coa antiga Aquis Originis, segunda mansión da devandita vía.

Aínda hoxe non parece estar moi claro que a localización da vila, así como a da vía XVIII, se elixise precisamente pola proximidade do nacemento destas augas termais, sobre todo tendo en conta que este se lugar se ve afectado no inverno polas crecidas do río. Con todo, cabe supoñer que estas augas serían empregadas polos viaxeiros da vía e polos ocupantes de Riocaldo. Parece estar máis clara, pola contra, e con base nos restos achados, a identificación de Riocaldo con Aquis Originis.

As estruturas visibles da vila corresponden a unha fase de ocupación baixoimperial datada entre finais do século II-comezos do III d.C. e os primeiros anos do V d.C. Non obstante, tamén aparece un nivel altoimperial arrasado pola edificación baixoimperial.

Os datos achegados polas escavacións realizadas permiten distinguir unha serie de estancias dunha casa de campo ou mansión rural a cuxos propietarios se lle suporía un nivel de vida elevado, tal e como reflicten os materiais arqueolóxicos atopados e unhas termas privadas que, xunto con un espazo dedicado ao servizo de cociña, conforman os ambientes que mellor se diferencian na mansión.

Malia que este último espazo achega elementos de interese, como un forno similar a outros atopados en xacementos relacionados coa romanización do noroeste peninsular, o ambiente termal de Riocaldo, un dos mellor conservados da Gallaecia, é o que mellor reflicte as costumes que Roma transmitiu polo imperio.

Está composto por un corpo alongado de orientación noroeste-sueste disposto a modo de corredor e no que se recoñecen varias estancias. Da disposición destas pode supoñerse que a rectangular máis pequena funcionaría como vestibulum ou antecámara, cunha escaleira interior de tránsito entre o apoditerium (que ao non estar caldeado faría de frigidarium ou estancia fría) e un caldarium calefactado mediante sistema de hypocausis.

Ao sur destas estancias edificouse un piso sobreelevado (suspensura) que, asentado sobre arcos de ladrillo, crearía un subsolo a modo de cámara de calor (hipocausto). A estancia que recibiría menos aire quente relacionaríase co tepidarium, dende o cal se accedería á máis cálida ou caldarium, situada a carón do praefurnium ou caldeira central de calefacción.

• Datos principais

Vila romana de Baños de Riocaldo

A Raia seca / Baixa Limia / Lobios / Riocaldo (Santa María) / Bubaces

N41º51'26.97'' - W8º06'19.7''

X574251 - Y4634423 Fuso: 29

Datación

s. II - s. III

Estilo

Romano

Categoría

Xacementos romanos

Grao de protección

Inventariado


• Outros datos de interese

Conxuntos arquitectónicos / Visitas relacionadas

Xacementos romanos



[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web